Manuel Castro Villar (San Miguel da Costa, Rois) casou con 25 anos en Vilar de Reconco (Vilacova, Lousame), onde vive desde entón. Até a súa recente xubilación dedicouse á explotación leiteira familiar, integrada na cooperativa FEIRACO, que hoxe continúa en mans da súa filla e do seu xenro con arredor de cen cabezas de gando. Na entrevista, explica que foron incrementando o número de animais, pero non as terras de que dispoñen, polo que dependen das cesións de veciños de diferentes lugares do concello que xa non utilizan as leiras, que eles dedican principalmente a herba e millo. Na entrevista, Manuel fala con detalle acerca da situación do monte veciñal, que aínda hoxe continúa sen catalogar a pesar de ter manexo comunitario e de que a propiedade colectiva lles fose recoñecida por lei en 1971, logo de que os veciños se enfrontasen ao Patrimonio Forestal do Estado. O eucalipto nunca chegou a entrar con forza nos montes de Vilar de Reconco, nos que principalmente contan con plantacións de piñeiros e castiñeiros. O pastoreo abandonouse e non foi recuperado.