O Proxecto

A web Terra e Memoria, proporciona á comunidade investigadora un Fondo Documental de fontes orais (de mais de 2000 entrevistas), e gráficas (máis de 5.000 imaxes) e tamén hemerográficas (14 publicacións periódicas).

O fondo oral naceu dunha iniciativa do Departamento de Historia Contemporánea da USC, para a creación e difusión de fondos orais sobre o pasado contemporáneo. De forma concreta, sistematiza testemuñas orais referidas a tres grandes temáticas:
    • Historia social da vida cotiá e do mundo rural.
    • Vítimas da violencia e as persecucións do Golpe de 1936, a guerra e o franquismo.
    •  Exilios e migracións: orixes, traballos, retorno.
O fondo gráfico está moi vinculado co fondo oral, pois alberga un numeroso material que se foi recompilando da man das actividades de investigación do proxecto Nomes e Voces (2006-2012) e das 530 entrevistas asociadas. Con todo, tanto a súa temática, como a súa cronoloxía son moito mais amplas, pois abarcan o século XX e parte do XXI e recollen cuestións moi diversas, dos traballos ás paisaxes, incluíndo crianza e mocidade, migracións, militancias, exilios, activismo social e sindical.
Ambos fondos recollen a memoria do pasado da xente común de Galicia no século XX; un territorio europeo atlántico de intensa e antiga ocupación que desenvolve unha agricultura moi intensiva e drena unha gran corrente migratoria cara América antes de 1950 e cara Europa despois.
Tanto as entrevistas como as imaxes inclúen asuntos relacionados con mundo rural, muller, vivencias en Europa e América, guerra, posguerra, sindicalismo e política, vítimas do golpe de 1936 e o franquismo.
O fondo hemerográfico recolle as doazóns de diversas persoas relacionadas con publicacións periódicas do século XX conservadas en arquivos particulares e que grazas a esta colaboración, puideron poñerse a disposición da investigación histórica e da sociedade.