Entrevista nº 1765

  • Fondo HISTORGA Xeral

Resumo

Fala das orixes de “A Taberna de Lola”, de como colleu o negocio hai 34 anos, no ano 1990 e como era traballar na taberna mentres coidaba dos fillos. Tamén fala do que se ofrecía na taberna, que tiña unha horta propia da que sacaba moitas hortalizas, aínda que certas verduras non saían ben e llas traían, un gandeiro que lle proporcionaba a carne, e ela facía os chourizos na casa. Conta canto tempo traballaba e do tipo de clientela que tiña, diferente no verán, que eran máis turistas, que no inverno. Tamén tiña xente da misa e cazadores os domingos, e xogadores de bolos ou da billarda locais. Tamén fala de como eran as diferenzas entre cando a taberna a levaban os seus pais e posteriormente ela, o cambio nas costumes da xente. Ela mesma nota as diferenzas das costumes por exemplo no uso de freídoras, pois ela usaba unicamente a tixola, e a súa nai só cociñaba en cociña de ferro. Fala tamén de como se coñeceron os seus pais e a que se dedicaba o seu pai, que sempre estivo relacionado coa hostalaría, e que acabou por montar unha taberniña instado polo seu tío. Narra entón como repartían os seus pais as tarefas entre a casa, a horta, o gando e a taberna. Tiveron tamén unha pequena zona de alimentación. Tamén conta que sempre lle gustou formarse nos cursos que lle ofrecían para seguir aprendendo. Narra como era o aporte de cartos e a xestión na casa entre ela e o seu marido, que era transportista. Tamén fala dos fillos, do que estudaron e da educación que lles deu. A súa nai e a súa avoa foron quen lle ensinaron a cociñar, e a súa nai estaba moi concienciada coa horta e con comer san pois quedou orfa moi cedo e non quería ela que lle pasara o mesmo. Fala do avó que foi emigrado a Cuba para conseguir cartos para facer unha casa e cando volveu o que lle sobrou o donou para facer unha escola. Conta tamén algúns trucos de cociña e o xeito dalgunhas das receitas, tanto dela como da súa nai. Fala dunha costume que tiñan cun paisano que viña mercar o trigo polas aldeas e que tiña en cada unha un contacto (o pai dela neste caso) que se encargaba de gardar o trigo na casa, e a cambio lles daba a fariña como recompensa. Reflexiona sobre a valoración do seu oficio e como ela trataba aos seus clientes, que se comportaba como nai de moitos da contorna. Moitos clientes ben a valoraban polo ben que se portaba coa xente. Os proveedores asimesmo se portaban moi ben con ela. Nos últimos anos tivo que coidar da nai e atender o traballo, o que si lle causou máis estrés.