Entrevista nº 1766

  • Fondo HISTORGA Xeral

Resumo

Fala da presenza de traballo feminino no percebe en Corme dende a posguerra. Cando ela empezou case todas eran mulleres, a maior confraría feminina de Galicia. Os homes eran máis ben mariños mercantes. Di que na época dos pais había cinco fábricas de salgadura, mais que agora o único medio de vida é o mar. Antes da guerra o consumo era menor e os percebes mellores. A xente alimentábase deles porque era o que había, mais non lles daba valor. Antes traballara no laboratorio dunha fábrica de pinturas de Arteixo, mais quería quedar en Corme. Entrou no oficio tarde (38 anos) e por medio dun irmán percebeiro, cando xa se podía cotizar. Fixo un curso habilitante da Xunta que se impartía na confraría, pero aprendeu sobre todo do irmán. Son autónomos mais ela sempre foi co irmán ata que el obtivo a incapacidade por cancro en 2004. O salario principal era o percebe, mais ata a morte da nai en 2015 tamén daba clases particulares. O oficio faise coas mesmas técnicas e ferramentas de antes, con outra vestimenta (neopreno, xeonlleiras, algún casco). Só traballan coas mareas vivas, cando hai lúa nova ou chea (15-17 días ao mes). Dividen Corme en cinco zonas que son traballadas a barbeito. Fala de como aprendeu a “escoitar” o mar, cunha secuencia de vagas e como se avisan uns aos outros para advertiren do perigo. Pasan recollendo percebes dúas horas e media. Antes íase os meses sen “r”, agora sempre, sospeita que hai sobre explotación. Fala do cambio climático, da maior temperatura da auga. Antes vendíase na lonxa de Corme, mais pechou e agora lévana por un intermediario até A Coruña. As mortes que hai son por contusións, por golpes contra as rochas. Non ve relevo xeracional. Entre a xente que entra nova non ve interese pola conservación da toponimia tradicional. Traballo difícil e pouco atractivo, mais a ela gústalle, está orgullosa e permítelle conciliación.