Entrevista nº 1767

  • Fondo HISTORGA Xeral

Resumo

Comeza contando en que consiste o seu traballo: mariscadora que durante os meses de verán se dedica a facer “as pesadas”, traballo de lonxa, facer a subasta, ir a reunións etc. O marisqueo foi evolucionando cos anos. Antes do 92 era unha dedicación que servía como un aporte extra á economía familiar, non se consideraba como tal unha profesión segundo ela, era un extra ao que se dedicaban principalmente as mulleres, aínda que cando había campaña ía todo o mundo. Dende o 1992 é unha profesión cos seus dereitos e deberes. As mulleres antes dese ano chegaban á xubilación como se non tiveran aportado nada. A partir de aí, segundo ela nada se tocou, e ela considera que hai que actualizar as condicións da profesión, por exemplo o coeficiente redutor ou o recoñecemento de determinadas enfermidades como profesionais, pois só lle teñen recoñecido a do túnel carpiano e non pode disgnosticala unicamente o facultativo, senón que hai que falar co ISM. Fala do que é o Instituto Social da Marina, e de que elas cotizan polo mar aínda que xubilan á mesma idade que na terra. Considera que todo isto ten que mudar. Ela vai mariscar cando “non fai pesadas”. Ela leva no mar uns 15 anos, e leva coa ocupación 10. Casou moi nova e cando casou estaba rematando Administrativo. Tivo ao fillo, fixo as prácticas e ficou traballando nun colexio nunha substitución, e foi pasando por oficios. Logo se retirou do mundo laboral para coidar aos nenos e cando quixo volver ao mundo laboral tivo que reciclarse, decidiu facer un curso de mariscadora porque non era un oficio que houbera na casa e lle gustou moito. Fala das vantaxes e desvantaxes do oficio de mariscadora, da súa dureza, as condicións do mar e do tempo (o sol, a chuvia, a marusía etc.) pero da flexibilidade e liberdade que ten noutros aspectos. Fala do bonito que é traballar no mar. Aprendeu o traballo coas compañeiras, porque no oficio hai moita unión, moito compañeirismo. Ela tamén preside a Agrupación, e as compañeiras sempre a respectaron nese aspecto. Fala das ferramentas que usa para traballar: rastro grande, rastrillo etc. tamén dos neoprenos e demais materiais e as súas preferencias persoais. Falan entón da economía familiar, do seu soldo e o do seu marido e de que antes da crise unha mariscadora si se podía permitir vivir do seu traballo. Esta nova crise viu producida polo aumento da temperatura da auga, e están reclamando á administración que fagan estudos sobre a temperatura da auga. Falan do horario do marisqueo, cinco horas e como tempo máximo ata as seis da tarde. Depende da administración. Falan dos métodos tradicionais de marisqueo e da súa evolución. Falan da importancia do medio natural na súa profesión, e de preservalo e coidalo. Falan das novas xeracións do mar, de que existe relevo xeracional porque o marisqueo dá de comer, pero a xente que entra é porque outra se xubila, na súa confraría traballan 75 persoas. Na confraría nunha houbera moita xente até o estoupido da burbulla. Entraron homes (cando ela entrou había 74 mulleres e un só home) e agora hai lista de agarda. Teñen topes por cada especie. Levántase moi cedo, queda coas compañeiras, cando chegan ao cupo avisan ao resto de que xa remataron e vai co marisco directamente á lonxa, onde tamén se duchan.