Entrevista nº 1769

  • Fondo HISTORGA Xeral

Resumo

A entrevistada estudou historia e está a buscar o seu tataravó Telmo Rodríguez Alonso, orixinario de Arbo. Ela criárase coa bisavoa, que sempre choraba preguntándose onde estaría o seu corpo. O resto da familia non quería falar do tema. Fixo un informe para HISTAGRA coa información que tivese. Foi ao arquivo da Cidade da Cultura e ao da diócese de Tui. Non aparecía a data do falecemento. Lémbraselle na familia como unha persoa boa, que emigrara e colaborara para edificar a escola na súa vila. Dixéronlle que era presidente do Centro Gallego da Habana, mais no Arquivo da Emigración só figura como presidente e subsecretario dunha pequena asociación na Habana (Hijos del Distrito de Arbo). O que contan é que o foron buscar unha mañá á casa e levárono ao cuartel da Garda Civil. Non sabe o tempo que o tiveron detido (coida que un mes), logo enviárono a San Simón e unha noite paseárono na parroquia de Tenorio (Cotobade) a canda outras seis persoas de Lalín e Arbo. Os perpetradores foron avisar ás casas veciñas que foran recoller os corpos, mais o alcalde deixounos. Unhas leiteiras víranos pola mañá e correron a voz por Pontevedra, permitindo que un coñecido fose identificar unha das vítimas e por extensión o resto. Finalmente os veciños levaron os corpos ao cemiterio, ao carón da entrada, sen enterrar. Nunca recuperaron o cadáver. A bisavoa tiña dous irmáns e 13 anos no 36. Quería estudar para ser profesora, mais tivo que traballar porque a irmá enfermara de tuberculose e non lles quedaban cartos do pai (venderon as xoias familiares). Traballaba 16 horas nunha fábrica. Gardoulle rancor á nai por vender as posesións do pai e non deixala estudar. A entrevistada considera que non hai reparación posible. Recuperar o corpo ou ir detrás dos vitimarios non vai curar o dano feito. Tampouco cre que un hipotético perdón dos asasinos remediase algo. Só a garantía de non repetición valería un mínimo, mais non pensa que sexa posible.