O entrevistado comezou a súa investigación por ter familia represaliada (o tío paterno foi paseado; o avó, mariño republicano, morreu nun bombardeo italiano en Girona; a avoa paterna estivera presa xa no 35 na Coruña; o pai foi preso no 72 nos sucesos de Ferrol).
A entrevistada ten un avó paterno fusilado. O pai levábaa tódalas semanas ao cemiterio para lembralo. Sorpréndese e está orgullosa de que, sendo tantos netos, só ela procurase coñecer a historia.
Non teñen formación de historiadores. No ano 2001 comezaron a saír publicacións que mencionaban os seus familiares e os dous animáronse a escribir tres artigos que deron pé a crear a Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática (MHD). Os distintos traballos memorialísticos da asociación. A falta de recursos económicos. Din que hai dous xeitos de matar: o físico e o esquecemento. Eles evitan que morran dúas veces. Falan das represións aínda despois de mortos: as multas, as expropiacións ; de como moitas familias choraban e se desafogaban sen comprender porque se ceibaran con eles durante tantos anos. Tamén da dificultade da represión nunha cidade como Ferrol, onde tódalas familias se coñecen e vítimas e verdugos tiñan que convivir.