Entrevista nº 1772

  • Fondo HISTORGA Xeral

Resumo

Ela non ten familiares desaparecidos, mais sempre estivo en desacordo co réxime franquista e o machismo da época. Empezou polo recordo da súa avoa emocionada lembrando a liberdade da que desfrutara na República. Foi nai solteira e o pai nunca recoñeceu a filla (nai da entrevistada), nacida no 33. Tiñan un bar e gasolineira, e andaba a repartir o pan a Carril. O 15 de agosto do 36, mentres facía iso, viu un home morto na praia Compostela, que era amigo seu. En decembro do 39 deteñen a irmá e ao cuñado en Rubiáns por dárenlles de comer aos fuxidos no monte. Descubríronos porque os fuxidos entraran a roubar na casa do marqués de Rubiáns e regaláronlle un vestido da marquesa a Amalia, que o puxo un día por Vilagarcía e unha criada viuno. Á tía mallárona cunha arma, quitándolle os dentes, e negouse toda a vida a ir ao dentista. Esa mesma noite foron á casa familiar, abriu súa avoa e dixéronlle que fose buscar os sobriños, que estaban deixados fóra da casa, e criáronos eles. A tía fora condenada a morte, mais ao final estivo no cárcere. Conta como a avoa unha vez se atopou cun do pelotón falanxista nunha tenda 20 anos despois e ela saíu da tenda. Algúns dos fascistas que mataban viraron tolos ou alcohólicos. A entrevistada meteuse no PCE en 1969, e tiña que ir a Vigo porque en Vilagarcía non había célula. Sempre tiña medo de que a pillasen ou que algún compañeiro caese. Cando morreu Franco sentiu moita alegría e alivio, mais sobre todo cando legalizaron o partido. Estaba farta de pasar medo e nun inicio aceptaron a monarquía e os pactos do partido pensando que logo se cambiaría. Investigou sobre os asasinados en Vilagarcía, obtendo uns 70 nomes. Sábese que moitos están debaixo de nichos do cemiterio municipal. Prefería a idea de pensar que están alí a escavar e ver que non había nada. Falaron durante as escavacións cun antigo secretario do concello de case 100 anos que lles dixo que alí “fixeran limpeza”. Noutra busca de Ponteareas en 2006 os corpos duns asasinados no 37 foran metidos en bolsas cando se fixeron unhas obras na igrexa, e cando as atoparon foron moídos e introducidos en furnas. Di que hai moitos casos de “redesaparicións”, dos anos 40, cando caeran os fascismos e había medo de que quizais Franco caese. O labor da asociación de memoria e os enfrontamentos coa corporación local.