Muller que se dedicou dende pequena ás labores do mar, tanto a axudar aos seus irmáns e pai como de redeira. Na entrevista, lixeiramente accidentada ao principio por uns problemas técnicos previos, a entrevistada procede a narrar onde naceu, como se iniciou a familia e posteriormente ela no traballo do mar Explica a que tipo de pesca se dedicaban e as súas responsabilidades: entintar as redes, coselas, ir casa por casa avisando de cando saía o barco, levar a comida aos seus irmáns, levar os aparellos na cabeza para lavalos, facer peixe seco, ir ao argazo no inverno etc. Tamén narra como eran as Festas do Carme, a vida no barrio da Mariña coa dureza das marusías por entón. Narra un accidente que sufriu o seu pai tirando un foguete nas Festas do Carme e que supuxo a súa invalidez, o que provocou que tivese que intervir a Confraría de Pescadores para que lle quedase unha pensión ante o impacto negativo que tivo na familia. Tamén fala da escola, das tabernas mariñeiras, das casas baratas de Fedorento, da Casa do Pescador e en xeral da vida cotiá nos anos 50 e 60, así como de política, contando que na súa casa se escoitaba a radio Pirenaica aínda que ela nunca escoitou falar máis nada de política. Tamén reflexiona sobre a mellora económica e de condicións progresiva na pesca da Guarda dende os anos 60 ata o de agora, dando as súas valoracións sobre a situación actual. Intervén logo o marido contando cuestións acerca do seu avó, carpinteiro de Ribeira.