Entrevista nº 1806

  • Fondo HISTORGA Xeral

Resumo

Entrevista sobre o seu traballo dende pequena como pescantina polas aldeas, vendedora de peixe na praza e redeira na Mariña da Guarda. Comeza falando da profesión dos seus pais e das artes que traballaban. Tamén fai referencia á idade á que comezou traballar e sobre o percorrido que facía polas aldeas da Guarda e O Rosal para vender o peixe. A fame facía que moitas veces a xente da aldea alén de pagarlle lle dese comida. Logo fala de que cando casou o seu home pasou de ser albanel a ser mariñeiro de gamela, do oficio de redeira, e da economía familiar. Fala de como mataban o tempo mentres ataban redes: escoitando a radio e cantando. Pasa a comentar como era a vida na Guarda cando era pequena, e comenta que realizaban actividades económicas complementarias como andar ao argazo. Fala do mercado de Chan de Conde e das rivalidades cos de Ribadavila. Aborda a cuestión das cotizacións das mulleres e dos homes no réxime do mar, pois elas adoitaban non cotizar. Fala tamén da corrupción dentro da Confraría de Pescadores “Santa Tecla” e os comportamentos cuestionables dalgúns dos seus membros. Fala do crecemento económico da Guarda e das dinámicas de sociabilidade dentro do barrio mariñeiro. Tamén fala da Casa do Pescador, que mirou construír por vivir ao lado, e dos servizos que había nela. Aborda logo a cuestión do lecer, as festas e as diferencias entre as normas para os rapaces e as rapazas. Enlaza isto coa cuestión do control social, da represión cara os mariñeiros e das conversas de política que se tiñan no barrio.