A entrevistada non elabora unha crónica dos feitos, cínguese minuciosamente ao guión desenvolto polo entrevistador, contestando detalladamente a maioría das preguntas formuladas e sen realizar nin unha soa disgresión. Trátase dunha entrevista tremendamente limpa onde todo é pura información sobre a vida antes e despois da guerra, así como importantes datos sobre a represión. Tanto do asesinato do seu pai como os de outros compañeiros. Incide na normalidade da vida durante a República, nas duras imaxes da represión, incluso os represores prantéxanse levarse detido ao seu irmán maior de 11 ou 12 anos. Outros datos interesantes á a actitude combativa, de orgulo e de respecto á memoria do pai e das súas ideas que ten a nai e inculca á familia, contrastando, como tamén sostén a entrevistada, coa doutras familias de represaliados que por medo se plegan máis ás esixencias dos represores. Tamén é digno de mención que tanto a entrevistada como os seus irmáns acabasen traballando en Zeltia. Ela mesma comenta o feito cun sorriso, alegando que esta empresa foi empregadora de represaliados, feito do que axiña se decatou ao entrar nela. Como pasou a vivir a Porriño, decátouse tamén de certas diferencias da represión aquí exercida co acontecido en Vigo. Unha importante é o maior coñecemento e proximidade dos falanxistas represores por parte dos represaliados, cousa máis difusa no centro de Vigo, de onde era ela.