Entrevista nº 2085

  • Fondo Nomes e Voces

Resumo

A entrevista é eficaz porque o entrevistado non fai elucubracións nin divaga. Cínguese perfectamente ao tema. Non elabora un relato, pero vai contestando as cuestións que se lle prantexan. Así na primeira parte da entrevista fala exclusivamente do neno que foi ao que se lle ocultaron os feitos. O seu pai traballaba fora, non era un agochado. Logo, tras indicar ao seu tio Guillermo Silva como principal transmisor do relato da vida familiar na República e da represión, vai aclarando distintas cuestións. Entre varios aspectos destaca, a semblanza que fai dos falangistas na guarda; a lembranza dalgunha vítima, concretamente o pai dun amigo seu ao que atoparon todos nunha cuneta ou o pai doutro que querendo fuxir morreu afogado no Miño, ou a historia do fuxido Noya e o asasinato do seu irmán. Algo do acontecido con Noya, contoullo o protagonista ao pai do entrevistado estando el presente. Un aspecto novidoso é o feito de que na súa época colexial e de instituto nos maristas de Vigo, por esixencia dos pais de dereitas, os fillos dos rojos son separados en aulas distintas e incluso no patio hai unha reixa que os separa cuidada por maristas para que non teñan contacto uns cos outros. Finalmente sobre o pai dicir que salvou a vida gracias a un amigo viaxante de dereitas que escoitou que querían matalo. Avisouno e ofreceulle a súa casa en Mahón. Atravesaron a Península (non quixo quedar no bando republicano por non empuñar armas) e vivíu cinco anos en Mahón criando coellos. Voltou no 41, non puido exercer a avogacía e no 47 marchou para Venezuela, despois foi a súa muller e o fillo máis pequeno, que vive aló. Santiago quedou cos avós.