En boa parte da entrevista Eusebia está ausente e é José o único informante. No que atinxe ao período anterior ao golpe, a información que da é variada. Como en moitas entrevistas os datos se decantan máis sobre aspectos da vida cotiá: a casa, o traballo... - sen ser neste caso moi abondantes - que sobre a actividade política do pai, do que se nos di que era da UGT e do PSOE. En canto ao golpe, é un apartado máis rico, conta como o pai vive tres anos agochado nun escondite polo día e pola noite sae ao monte. Durante eses anos os rexistros da garda civil e falange son constantes. Logo o pai entrégase e vai dende diferentes cadeas galegas ate Madrid, onde por ser canteiro traballa nas obras do Escorial. Parece que en condicións mellores ás anteriores experiencias de presidio. Tamén se apuntan datos sobre a represión en xeral. Neste intre incorpórase á conversa Eusebia (acompañada dunha irmá máis pequena que apenas di algunha frase na gravación). Fálase da represión e sae á luz o caso de dúas mulleres violadas e logo asasinadas arrastrándoas nun coche ( non nomes). Finalmente acaba a conversa con algúns aspectos da vida na sociedade franquista. A parte con máis datos é a da represión e Eusebia ao final da entrevista volve a retomar o tema, dando a súa versión como testemuña directa das vicisitudes do pai agochado, ofrecendo matices sobre o contado por José.