A entrevista divídese en dúas claras partes temáticas. Na primeira, sen resultados moi satisfactorios, abórdase a vida e represión do pai dos entrevistados, poñendo en evidencia un importante descoñecemento da figura do pai por parte dos fillos, explicada no contexto da represión e o franquismo. Deste xeito semella que Luís Estévez Andrés militaba na CNT, foi un destacado xogador do equipo vigués, Ciosvín -gañador do campeonato de España amateur - e foi a participar na Olimpiada popular do 36. Alí sorpréndelle o golpe e comeza a súa andaina, primeiro como integrante do exército republicano e logo como represaliado. O seu lugar e tempo de cadea veuse mellorado por intervención dun cuñado franquista.
A segunda parte da entrevista é máis rica porque ten coma protagonista ao propio entrevistado, militante antifranquista, afiliado ao PCE, e detido varias veces no franquismo, sendo levado á cadea en Madrid e sometido a proceso xudicial. Comparte prisión con destacados dirixentes sindicais como o propio Marcelino Camacho. Tamén explica como a súa mili foi en si mesmo un proceso represivo, xa que estivo confinado nun illiote no norte de África con vintetantos militantes antifranquistas. Aporta algunhas visións de feitos do momento como o activismo de ETA ou a revolución dos caraveis en Portugal.