Nun primeiro bloque céntrase no proceso vital da vítima César Leopoldo Fraguela Celeiro, atendendo dende as súas orixes familiares até a súa traxectoria profesional e formación da súa familia, así como a socialización e ideoloxización política deste, da cal non se ofrecen moitos datos. Nun segundo apartado ofrécese o acontecido tralo golpe do 36 e a represión posterior reflectida nun primeiro momento na figura de Leopoldo e a súa propia traxectoria represiva, dende a condea a morte até os longos anos de clandestinidade e constantes detencións. Asemade, préstase atención ao que acontece coa propia familia e as súas vivenzas en consonancia coa experiencia vital do pai, incidindo na figura e evolución vital neste contexto da entrevistada. Esta cobra protagonismo nun terceiro apartado no que se pode aprezar o papel desenvolvido nesta familia ao longo do réxime franquista e a súa visión da propia transición, incluíndo a súa participación nas reivindicacións xurdidas no seu centro de traballo até a súa militancia no PSP.