Entrevista nº 2270

  • Fondo Nomes e Voces

Resumo

Nun primeiro bloque, faise unha panorámica do ambiente familiar de José Varela Bouza e dos seus irmáns en Miño, explicando a idiosincrasia de cada un dos 8 fillos de Antón Varela e Josefa Bouza e a súa evolución; resaltando a figura da irmá Amelia e do propio José. Nun segundo bloque, cóntase caso a caso a historia da represión familiar: "Pepe o Lobo" é preso e encausado por unha denuncia do crego por queimar unha igrexa, escapa a nado do Castelo de San Antón e finalmente é asasinado na "Casa Queimada", en Bañobre, moi preto da casa familiar. Amelia é guerrilleira e axuda a xente fuxida, remata marchando a Madrid e adícase ao servizo. Juan fúgase na motora "Golondrina" para Francia, e finalmente pasado un tempo volta ao Estado, vivindo en Barcelona nunha situación moi precaria até que morre abandonado. Manuela Cabanas, muller de Pepe, estivo presa no cárcere de Saturrarán por agochar ao seu home. Posteriormente faise referenza á vida no franquismo, explicando como as irmás de Pepe buscarán a vida fora de Miño e casarán con homes adictos ao réxime. Ese é o caso de Isaura, nai do entrevistado, que casa cun exmilitante do PG afecto ao "Movimiento", militar voluntario e logo mestre e alcalde de Coirós.Explica como a súa nai ocultou a memoria da represión sufrida pola súa familia até o punto de non voltar a Miño nin deixar que el fose por alí. Cóntase a influencia nacionalista exercida polo pai do entrevistado, que gardaba libros de Castelao e enciclopedias, base sobre a que se forxa o posicionamento nacionalista do entrevistado mais dende unha praxe antifranquista a partir dos contactos establecidos cando fai vida de seu. Reflexiónase entón sobre unha serie de acontecementos que se desenvolven ao longo do período histórico que lle tocou vivir ao entrevistado.