Nun primeiro bloque a entrevistada detense en retratar as orixes, a vida cotiá e a ocupación da súa familia, agromando a figura do seu irmán, Benito Pastoriza, así coma das escasas lembranzas que a entrevistada tiña da Segunda República na localidade. Nun segundo bloque, abórdase a represión sufrida en primeiro lugar polo seu pai, Manuel Pastoriza, ao que prenden por confusión con Benito, estando no cárcere en Bueu, Pontevedra e San Simón. Posteriormente prenden ao seu irmán Benito e liberan ao pai. Benito é sometido a consello de guerra en Pontevedra, ao que asiste a entrevistada. Fai referenza á familia do alcalde asasinado Joham Carballeira, axustizado co seu irmán. Dado que a familia de Benito se desvencella totalmente del dende ese momento dándoo por morto, téntase extraer información sobre lembranzas da represión da localidade, mencionando algúns nomes ou feitos. Finalmente téntase pescudar sobre o posicionamento da familia a respecto do réxime, transmitindo a entrevista un desentendemento total na casa a respecto de cuestións políticas, así coma da transmisión aos seus fillos da historia represiva sufrida, por medo a que os puidera prexudicar.