Entrevista nº 2323

  • Fondo Nomes e Voces

Resumo

Nun primeiro bloque téntase situar a figura do pai da entrevistada e a familia antes do golpe, imbricando esa explicación co suceso da súa fuxida en xuño de 1937. Posteriormente relátanse as vicisitudes da vida baixo o Franquismo nunha familia desestruturada pola marcha do pai e na que a avoa exerce un rol de líder da familia, tanto no aspecto político -implicación no activismo antifranquista no peirao da Coruña- coma no moral. Ao tempo, danse datos sobre a represión e a actitude de determinados grupos implicados activamente na represión paralegal na cidade. Trázase a evolución posterior da familia e do propio pai fuxido, co que non se tivo contacto máis ca por carta até a súa morte accidental en Nova Iorque. Faise fincapé nas consecuencias da represión no eido afectivo e económico e as fondas desigualdades sociais e a miseria da posguerra, así coma na existencia dunha rede de solidariedade entre traballadoras do porto. Finalmente, coméntase a conformación dunha familia por parte da entrevistada cun home de dereitas e a vivenza da Transición, facendo referenzas á situación política actual.