Nun primeiro bloque o entrevistado rememora os acontecementos represivos sufridos por el e a súa familia mentres o seu pai estivo fuxido: as torturas e persecucións sufridas até a delación e posterior queima da súa casa, onde seu pai se atopaba oculto nun zulo trala alacena da cociña, e o posterior asasinato da súa nai. Explícase o paradoiro dos fillos do matrimonio asasinado: a filla máis nova entregada en adopción a unha familia e os demais irmáns buscándose a vida logo de quedaren desposuídos ao non poderen acreditaren a morte de seus pais para declarárense herdeiros da propiedade familiar. Logo lémbrase a actividade política de signo comunista do pai do entrevistado antes do golpe de Estado e a súa influencia sobre a comunidade e a participación en mitins e manifestacións, así coma as relacións familiares e o xeito de vida. Nun terceiro bloque abórdase a evolución posterior e o posicionamento da familia contra o réxime, intervindo tamén os seus fillos facendo valoracións de acontecementos políticos do Franquismo e da Transición.