Testemuño dun concelleiro de Boiro durante a Segunda República sobre a súa infancia e xuventude nos anos 10 e 20. Era fillo de labregos e asistiu á escola do rexidor Gregorio del Río durante pouco tempo, para logo adicarse á pesca en traiñeira na ría. A comezos dos anos 20 foi testemuña do intento de redención do foro do Pazo de Goiáns, encabezado polo veciño de Cabo de Cruz Antonio Ribeiro. Tamén menciona varias das súas vivencias na ditadura de Primo de Rivera e na Segunda República: a rivalidade entre os liberais de José María Gómez Gorordo e os conservadores de Guillermo Torrado, a organización dos novos partidos e dos sindicatos, as refregas nas mesas electorais en 1933, a chegada do Frente Popular ao goberno local en 1936 con Juan “Chono” Somoza como alcalde, a represión que sucedeu ao golpe de Estado dese mesmo ano, etc.