Entrevista nº 557

  • Fondo HISTORGA Xeral

Resumo

Comezou a estudar na Facultade de Xeografía e Historia en 1975. Cando estaba no instituto en Ourense participou nun grupo de ámbito nacionalista (cita nomes) no que había militantes de ERGA. En decembro dese ano/comezos de 1976 integrouse en ERGA. Describe a composición de ERGA na Facultade de Xeografía e Historia e en Compostela, facendo valoracións sobre a forza do grupo en relación con outras organizacións (MCG: Movemento Comunista de Galicia, LCR: Liga Comunista Revolucionaria, PCE, PT: Partido do Traballo). Fala do medo que ERGA tiña á competencia do PCE. Afirma que na Facultade de Xeografía e Historia había xente militando nun grande número de organizacións políticas, as cales, adoitaban enfrontarse fortemente nas asembleas mais que logo colaboraban nas accións de rúa. Di que ERGA era unha organización con moita visibilidade pese a ser minoritaria. Logo conseguiron medrar (no contexto do crecemento do nacionalismo galego) pasando a ser un grupo hexemónico desde 1977 (a única organización que lles podía facer algún tipo de competencia era o MCG). Afirma que non existía unha separación nítida entre o traballo estudantil e o resto (se estabas en ERGA estabas na UPG e na ANPG, así coma en organizacións do ámbito cultural: O Galo, O Eixo: fala dos seus membros e de como se organizaba). Fala das posturas das organizacións estudantís en relación coas primeiras eleccións a representantes de estudantes (ERGA optou polo boicot, sendo a oposición ao traballo institucional unha constante no nacionalismo galego do momento). Afirma que nas asembleas existía unha oposición xeral contra os sectores “ácratas”. Describe como se relacionaba a UPG con ERGA. Fala da férrea disciplina existente no grupo. Comenta a iniciativa de ERGA de escribir un folleto de “Historia de Galicia”, sendo este un traballo pouco rigoroso e no que non apostaron por pedir axuda a ningún dos profesores galeguistas, cos que se levaban ben. Considera que nin os militantes nin os dirixentes nacionalistas contaban con moita formación, sendo este un dos motivos que os levou a apostar polo maximalismo nas reivindicacións, existindo unha percepción moi inxenua da situación, pensándose que o movemento tiña moita máis forza da que tiña realmente. Destaca que ERGA era unha organización menos urbana en proporción cas outras, sendo das poucas nas que podías atopar xente de extracción vilega ou rural. Afirma que ERGA foi perdendo funcionalidade co tempo (reducíndose o seu crecemento) e a chegada da democracia, sendo as crises internas unha constante (defendendo a dirección posturas contrarias ás da maioría da militancia), razón que levou á creación da UMG (rama xuvenil da UPG). Destaca que as crises (e escisións) no nacionalismo tiñan o seu eco sempre en ERGA, que nunca tivo unha autonomía real como grupo. Afirma que ERGA non tivo relacións con outras organización de ideoloxía similar do Estado até ben entrados os anos oitenta, sendo estes contactos resultado do traballo da UPG.